BLOG DE 1º E 2º CURSOS DO CEIP PLURILINGÜE A PEDRA DE BUEU

BLOG DO 1º E 2º CURSOS DO CEIP PLURILINGÜE A PEDRA DE BUEU

viernes, 27 de marzo de 2015

MAR Á VISTA!

Hoxe foi o último día de curso antes das vacacións de Semana Santa e aproveitámolo para facer unha visita guiada polo MUSEO MASSÓ. Alí fixemos tamén un obradoiro chamado MAR Á VISTA! sobre dúas pinturas de Urbano Lugrís.
Durante a visita polo museo visitamos a lancha xeiteira, o recuncho das baleas, a exposición de ferramentas da conserveira Massó e o piso de arriba onde observamos os barcos, as brúxulas, os mapas e moitos dos elementos que aparecen nas pinturas de Urbano Lugrís como as buguinas. 
Despois fixemos o obradoiro no que nos ensinaron diferentes formas de representar elementos dos cadros de Lugrís (barcos, buguinas, augamar, peixes...), e xogamos a imitar animais mariños co noso corpo.
Temos que agradecer a Graciela e todo o persoal do museo a súa paciencia e bo traballo. 
Grazas por unha visita estupenda!




sábado, 7 de marzo de 2015

A NOSA VILA: BUEU

O alumnado de 1º estivemos investigando sobre a nosa vila: BUEU. Foi un traballo por equipos no que aprendemos a repartir as tarefas entre os distintos membros e a poñer en común as respostas. Partimos dunha presentación que prepararon as profes e o resultado foron uns murais moi bonitos que están decorando o noso corredor. Mirade que ben quedou!




martes, 3 de marzo de 2015

24 de febreiro: DÍA DE ROSALÍA

O martes pasado conmemoramos o nacemento da poetisa galega ROSALÍA DE CASTRO e fixémolo participando nun vídeo elaborado por moitos colexios do Morrazo chamado ROSALÍA DAS ONDAS DO MAR. Un grupo de representantes de cada aula aprendeu unha estrofa dun poema de Rosalía e recitáronno todos xuntos. Os elixidos foron Ana (1ºA), Óscar (1ºB), Irene (2ºA) e Iago (2ºB) e recitaron esta estrofa:
BUSCAIME RAPAZAS,
VELLIÑAS, MOCIÑOS,
BUSCAIME ANTRE OS ROBRES,
BUSCAIME ANTRE OS MILLOS.




viernes, 13 de febrero de 2015

ENTROIDARTE!

Hoxe celebramos o Entroido, e xa que a chuvia non nos deixou celebrar o tan esperado pasarrúas por Bueu, tivemos que conformarnos con celebralo dentro do cole cos nosos compañeiros e compañeiras. Xuntámonos todos no ximnasio, actuamos cantando a nosa canción ENTROIDARTE e bailamos a rachar. Despois voltamos ás clases para merendar doces típicos de Entroido todos xuntos. 
O noso disfrace de Kandinsky tivo moito éxito e lucímolo con moito orgullo, xa que estaba realizado por nós. Nunca esqueceremos a este gran pintor. 

Gozamos moito dun Entroido feito con ARTE!







viernes, 30 de enero de 2015

DÍA DA PAZ con ARTE

Hoxe celebramos o Día Escolar da Paz e, aínda que o tempo non acompañou, quixemos celebralo dun xeito especial: con moita ARTE.
Premede no vídeo para saber todo o que fixemos nesta mañá tan especial.


FELIZ DÍA DA PAZ!

martes, 20 de enero de 2015

URBANO LUGRÍS

Hoxe o alumnado de 1º A, expuxo a súa investigación sobre URBANO LUGRÍS (pintor do Morrazo) ao alumnado de 3º A. Os nenos maiores quedaron abraiados coas súas explicacións. Ao rematar os maiores preguntaron dúbidas e responderon todas!!!
Mirade que ben o fixeron...

Nesta presentación veredes os cadros que debuxaron os nenos imitando a Lugrís:

viernes, 16 de enero de 2015

ARTISTAS DO MORRAZO

Hoxe recibimos unha visita moi especial. Veu visitarnos JOSÉ MARÍA BARREIRO, o pintor que estivemos traballando durante o primeiro trimestre na clase de 1ºB. Para os compañeiros de 1ºA foi moi importante porque nos falou de URBANO LUGRÍS, moi amigo seu, que foi o autor que traballaron eles. 
José María é un gran conversador, unha persoa marabillosa e xenerosa que donou ao BIBLIOCASTELO un lote de libros sobre a súa obra e dúas láminas preciosas. 
Para comezar a visita, as profes contáronlle o noso proxecto e levárono a través da GALERÍA DE ARTISTAS ao Bibliocastelo. Alí quedou abraiado cos nosos debuxos e obras de arte!

Despois sorprendémoslle cunha exposición oral e visual sobre a súa vida e despois tocoulle falar a el.
Contounos moitísimas cousas e respondeu con paciencia ás nosas preguntas, que non eran poucas!
Podedes ver un anaco neste vídeo.
Grazas Barreiro, por un día inesquecible!



LinkWithin

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...