Hai uns días recibimos unha carta de Papirus onde nos pedía que fixeramos unha foto nosa lendo no noso recuncho de lectura preferido. Despois tiñamos que decorar o marco con moita ARTE. Con todas as fotos fixemos unha exposición na entrada do colexio.
Premede neste enlace para ver que bonito e artístico quedou!
Esta semana conmemoramos o "DÍA MUNDIAL DO LIBRO E DOS DEREITOS DE AUTOR" polo que realizamos algunhas actividades especiais no cole. Unha delas encantounos xa que o mércores 22 voltamos ao cole de Infantil para contarlle un conto aos nenos de 3 anos. Foi unha experiencia moi agradable volver a ver as clases nas que tanto traballamos, as nosas profes, o patio...
O libro que eliximos para ler foi "A FUXIDA DO MAR" de Agustín Fernández Paz, un conto que nos trouxeron os Reis Magos e que traballamos durante este trimestre.
Para poder entregar un agasallo aos nosos afillados lectores, fixemos un traballo especial na Biblioteca: as profes entregáronnos un papel coas instrucións para facer un barquiño de papel e folios de cores, polo que despois de ler, puxémonos a fabricar barcos. Unha vez feitos, asinámolos para que os rapaces tiveran un recordo noso e despois de lerlles o conto, entregámolos.
Eles, pola súa parte, déronnos un colgante moi artístico lembrando a data e cun autorretrato.
Se premedes neste enlace, veredes como prepararon os de 3 anos a nosa visita.
O venres, pola contra, fomos nós os que recibimos a visita dos rapaces de 4º, os nosos padriños e madriñas lectores, que nos viñeron contar o seu conto preferido.
Repartímonos polo corredor, pola Biblio, pola entrada do cole... e escoitamos con atención as súas historias.
Para que sempre lembren ese día, entregámoslles uns marcapáxinas decorados por nós con moita ARTE.
Na clase de VALORES SOCIAIS E CÍVICOS aproveitamos a investigación que estabamos facendo sobre Bueu, a nosa vila, para facer un traballo cooperativo no que copiamos unha construción tradicional galega: o HÓRREO.
Tratouse dun traballo por equipos, no que participamos tanto os de 1ºA como os de 1ºB. Primeiro aprendemos as partes dos hórreos e os seus nomes e despois, con moita plastilina, fomos dando forma a cada unha delas, ata que conseguimos rematalo.
Como quedaron tan bonitos, expuxémolos na entrada do colexio, xa que a arquitectura é outra forma de ARTE.
Hoxe foi o último día de curso antes das vacacións de Semana Santa e aproveitámolo para facer unha visita guiada polo MUSEO MASSÓ. Alí fixemos tamén un obradoiro chamado MAR Á VISTA! sobre dúas pinturas de Urbano Lugrís.
Durante a visita polo museo visitamos a lancha xeiteira, o recuncho das baleas, a exposición de ferramentas da conserveira Massó e o piso de arriba onde observamos os barcos, as brúxulas, os mapas e moitos dos elementos que aparecen nas pinturas de Urbano Lugrís como as buguinas.
Despois fixemos o obradoiro no que nos ensinaron diferentes formas de representar elementos dos cadros de Lugrís (barcos, buguinas, augamar, peixes...), e xogamos a imitar animais mariños co noso corpo.
Temos que agradecer a Graciela e todo o persoal do museo a súa paciencia e bo traballo.
O alumnado de 1º estivemos investigando sobre a nosa vila: BUEU. Foi un traballo por equipos no que aprendemos a repartir as tarefas entre os distintos membros e a poñer en común as respostas. Partimos dunha presentación que prepararon as profes e o resultado foron uns murais moi bonitos que están decorando o noso corredor. Mirade que ben quedou!
O martes pasado conmemoramos o nacemento da poetisa galega ROSALÍA DE CASTRO e fixémolo participando nun vídeo elaborado por moitos colexios do Morrazo chamado ROSALÍA DAS ONDAS DO MAR. Un grupo de representantes de cada aula aprendeu unha estrofa dun poema de Rosalía e recitáronno todos xuntos. Os elixidos foron Ana (1ºA), Óscar (1ºB), Irene (2ºA) e Iago (2ºB) e recitaron esta estrofa:
Hoxe celebramos o Entroido, e xa que a chuvia non nos deixou celebrar o tan esperado pasarrúas por Bueu, tivemos que conformarnos con celebralo dentro do cole cos nosos compañeiros e compañeiras. Xuntámonos todos no ximnasio, actuamos cantando a nosa canción ENTROIDARTE e bailamos a rachar. Despois voltamos ás clases para merendar doces típicos de Entroido todos xuntos.
O noso disfrace de Kandinsky tivo moito éxito e lucímolo con moito orgullo, xa que estaba realizado por nós. Nunca esqueceremos a este gran pintor.