BLOG DE 1º E 2º CURSOS DO CEIP PLURILINGÜE A PEDRA DE BUEU

BLOG DO 1º E 2º CURSOS DO CEIP PLURILINGÜE A PEDRA DE BUEU

miércoles, 6 de mayo de 2015

CONTACONTOS CON IAGO LÓPEZ

Hoxe, na HORA DE LER, recibimos no Bibliocastelo a visita de IAGO LÓPEZ, da man da Editorial Anaya. 
Iago contounos "AUGUSTA E OS SEUS MEDOS", de Sabela Fernández Trelles, unha historia dunha nena que tiña tantos medos que non quería facer nada, ata que os seus pais lle deixaron unha caixa no seu dormitorio...
Gustounos tanto e estabamos tan metidos na historia que o tempo pasou sen darnos conta. Iago invitounos a contar o conto con el, tiñamos que facer xestos, responder preguntas... enganchounos completamente! Ademais trouxo con el unha caixa grande e en cada un dos seus lados estaba ilustrada unha escena da historia, moi artístico!!!
Agardamos que este libro chegue cedo á Biblioteca para poder lelo nós, grazas Iago!











martes, 5 de mayo de 2015

CAL É O TEU LUGAR DE LECTURA PREFERIDO?

Hai uns días recibimos unha carta de Papirus onde nos pedía que fixeramos unha foto nosa lendo no noso recuncho de lectura preferido. Despois tiñamos que decorar o marco con moita ARTE. Con todas as fotos fixemos unha exposición na entrada do colexio.
Premede neste enlace para ver que bonito e artístico quedou!

sábado, 25 de abril de 2015

APADRIÑAMENTOS LECTORES


Esta semana conmemoramos o "DÍA MUNDIAL DO LIBRO E DOS DEREITOS DE AUTOR" polo que realizamos algunhas actividades especiais no cole. Unha delas encantounos xa que o mércores 22 voltamos ao cole de Infantil para contarlle un conto aos nenos de 3 anos. Foi unha experiencia moi agradable volver a ver as clases nas que tanto traballamos, as nosas profes, o patio...
O libro que eliximos para ler foi "A FUXIDA DO MAR" de Agustín Fernández Paz, un conto que nos trouxeron os Reis Magos e que traballamos durante este trimestre. 

Para poder entregar un agasallo aos nosos afillados lectores, fixemos un traballo especial na Biblioteca: as profes entregáronnos un papel coas instrucións para facer un barquiño de papel e folios de cores, polo que despois de ler, puxémonos a fabricar barcos. Unha vez feitos, asinámolos para que os rapaces tiveran un recordo noso e despois de lerlles o conto, entregámolos.

Eles, pola súa parte, déronnos un colgante moi artístico lembrando a data e cun autorretrato.
Se premedes neste enlace, veredes como prepararon os de 3 anos a nosa visita.












O venres, pola contra, fomos nós os que recibimos a visita dos rapaces de , os nosos padriños e madriñas lectores, que nos viñeron contar o seu conto preferido.
Repartímonos polo corredor, pola Biblio, pola entrada do cole... e escoitamos con atención as súas historias.
Para que sempre lembren ese día, entregámoslles uns marcapáxinas decorados por nós con moita ARTE.



FELIZ DÍA DO LIBRO!!!









jueves, 23 de abril de 2015

HÓRREOS ARTÍSTICOS

Na clase de VALORES SOCIAIS E CÍVICOS aproveitamos a investigación que estabamos facendo sobre Bueu, a nosa vila, para facer un traballo cooperativo no que copiamos unha construción tradicional galega: o HÓRREO.
Tratouse dun traballo por equipos, no que participamos tanto os de 1ºA como os de 1ºB. Primeiro aprendemos as partes dos hórreos e os seus nomes e despois, con moita plastilina, fomos dando forma a cada unha delas, ata que conseguimos rematalo.
Como quedaron tan bonitos, expuxémolos na entrada do colexio, xa que a arquitectura é outra forma de ARTE.







viernes, 27 de marzo de 2015

MAR Á VISTA!

Hoxe foi o último día de curso antes das vacacións de Semana Santa e aproveitámolo para facer unha visita guiada polo MUSEO MASSÓ. Alí fixemos tamén un obradoiro chamado MAR Á VISTA! sobre dúas pinturas de Urbano Lugrís.
Durante a visita polo museo visitamos a lancha xeiteira, o recuncho das baleas, a exposición de ferramentas da conserveira Massó e o piso de arriba onde observamos os barcos, as brúxulas, os mapas e moitos dos elementos que aparecen nas pinturas de Urbano Lugrís como as buguinas. 
Despois fixemos o obradoiro no que nos ensinaron diferentes formas de representar elementos dos cadros de Lugrís (barcos, buguinas, augamar, peixes...), e xogamos a imitar animais mariños co noso corpo.
Temos que agradecer a Graciela e todo o persoal do museo a súa paciencia e bo traballo. 
Grazas por unha visita estupenda!




sábado, 7 de marzo de 2015

A NOSA VILA: BUEU

O alumnado de 1º estivemos investigando sobre a nosa vila: BUEU. Foi un traballo por equipos no que aprendemos a repartir as tarefas entre os distintos membros e a poñer en común as respostas. Partimos dunha presentación que prepararon as profes e o resultado foron uns murais moi bonitos que están decorando o noso corredor. Mirade que ben quedou!




martes, 3 de marzo de 2015

24 de febreiro: DÍA DE ROSALÍA

O martes pasado conmemoramos o nacemento da poetisa galega ROSALÍA DE CASTRO e fixémolo participando nun vídeo elaborado por moitos colexios do Morrazo chamado ROSALÍA DAS ONDAS DO MAR. Un grupo de representantes de cada aula aprendeu unha estrofa dun poema de Rosalía e recitáronno todos xuntos. Os elixidos foron Ana (1ºA), Óscar (1ºB), Irene (2ºA) e Iago (2ºB) e recitaron esta estrofa:
BUSCAIME RAPAZAS,
VELLIÑAS, MOCIÑOS,
BUSCAIME ANTRE OS ROBRES,
BUSCAIME ANTRE OS MILLOS.




LinkWithin

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...