BLOG DE 1º E 2º CURSOS DO CEIP PLURILINGÜE A PEDRA DE BUEU

BLOG DO 1º E 2º CURSOS DO CEIP PLURILINGÜE A PEDRA DE BUEU

jueves, 24 de mayo de 2018

Receitas cooperativas

Xa estamos rematando o curso e o alumnado de 2º sabemos moitas cousas sobre os alimentos, pero faltábanos aprender a cociñar con eles. Para iso empezamos polo primeiro paso: escribir unha receita. E fixémolo na biblioteca. Eliximos unha receita duns libros moi apetitosos e a redactamos de forma cooperativa, coa estrutura do folio xiratorio. Aquí vos deixamos unha pequena mostra:





miércoles, 16 de mayo de 2018

DÍA DAS LETRAS GALEGAS

Como mañá día das Letras Galegas é festivo, hoxe fixemos no cole un acto en honor á lingua galega e á autora homenaxeada este ano: Mª Victoria Moreno. 
O alumnado de 1º e 2º participamos no mural SOPA DAS LETRAS GALEGAS cunha estrofa do libro "Eu conto, ti cantas" e despois recitámola no acto conxunto cos compañeiros de primaria no que rematamos cantando "Galicia", de Manuel María e o "Himno galego" ante a alfombra que fixeron os maiores do cole.
 





domingo, 6 de mayo de 2018

CORRELINGUA 2018

O venres 4 celebramos en Bueu o CORRELINGUA do Morrazo. Nesta nova edición tocounos ser os anfitrións polo que nos puxemos moi elegantes coas nosas camisetas brancas decoradas con alimentos ou con utensilios de cociña, as nosas gorras, e unhas chapas e mochilas coas que nos agasallaron e que levan o lema: A LINGUA NON PARA.
Despois de xuntarnos coa rapazada dos outros coles do Morrazo, fixemos unha marcha arredor de Bueu e despois gozamos do concerto de Paco Nogueiras coa súa Radio Bulebule na praza Massó. Cantamos e bailamos un montón, iso sí, en galego!






jueves, 26 de abril de 2018

ALIMENTÁNDONOS MOI BEN

Coincidindo coas dúas semanas da froita, nas que puidemos degustar mazá, pera, plátano, piña, amorodos, mandarinas... nas aulas de 2º traballamos a alimentación saudable e fixemos como remate unha pirámide alimenticia por equipos cooperativos.
Se premedes neste enlace poderedes ver fotos e máis información.

domingo, 22 de abril de 2018

TEATRO EN INGLÉS

O venres 13 fomos ao Centro Social do Mar para ver un teatro en inglés. Alí, "the storytellers" contáronnos varios contos en inglés e como nós sabemos moito e, ademais, eles actuaban moi ben e xesticulaban moito entendemos todo perfectamente. Algúns dos nosos compañeiros saíron voluntarios ao escenario para axudarlles a contar a historia da bela e a besta, fixérono xenial. No vídeo e nas fotos podedes ver o ben que o fixeron.




viernes, 13 de abril de 2018

Despedimos a Tania

Hoxe foi o último día das prácticas da profe Tania, e agasallounos con un lapis e unhas bolsas de flocos de millo que estaban boísimos. Durante estes meses foi de clase en clase axudándonos no noso traballo diario, moitas grazas.

Ímoste botar en falta pero contamos con que nos fagas algunha visita de vez en cando.


miércoles, 4 de abril de 2018

ELABORANDO PAN

Durante o mes de marzo as aulas de 2º estivemos traballando o proceso de elaboración dun alimento diario: o PAN. Aprendemos os ingredientes e a forma de elaborar distintos tipos de pan. Como remate a este miniproxecto, visitamos o obrador da panadería Amador. Alí recibiunos Salva (pai de Iván de 2ºA) ensináronnos distintos tipos de fariña, pans de distintas formas ou ingredientes... Ademais amasamos os nosos propios panciños e levámolos para as nosas casas. Encantounos ver o forno, a máquina de fermentar e a cinta transportadora.
Moitas grazas a todos os traballadores de Amador, e sobre todo a Salva. Aprendemos e gozamos moito con vós aínda que chegaramos un pouquiño manchados de fariña!


LinkWithin

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...