BLOG DE 1º E 2º CURSOS DO CEIP PLURILINGÜE A PEDRA DE BUEU

BLOG DO 1º E 2º CURSOS DO CEIP PLURILINGÜE A PEDRA DE BUEU

lunes, 7 de marzo de 2011

ENTROIDO

Este ano o ENTROIDO chegou tarde, mais chegou. Durante toda a 1ª semana de marzo estivemos celebrándoo no cole dun xeito divertido:
O LUNS PISPIRETO PINTA O TEU CARETO;
O MARTES FLORIDO LEVA UN GORRO DIVERTIDO;
O MÉRCORES XEITOSO LEVA ALGO NO PESCOZO;
O XOVES DO REVÉS PONTE ALGO NOS PÉS;
O VENRES FESTIVO DISFRÁZOME E DESFILO.
E así foi, o venres día 4 disfrazámonos todos os nenos do cole e xuntos fixemos un pasarrúas por Bueu que foi dende o colexio de Primaria pasando polo de Infantil ata a praza do Concello. Alí actuamos por ciclos e voltamos para o cole de novo. Chegamos tan cansos que subimos ás clases e... alí esperábanos unha merenda xenial: chulas, filloas, orellas... ¡que ricas estaban!
Este ano o tema do Entroido eran os VALORES, por iso convertímonos nunha comparsa: OS CANTARRISAS onde os de 1º disfrazámonos de MÚSICA e os de 2º de PALLASOS, levando ledicia e cancións a todo o mundo. Todos aprendimos e cantamos esta cantiga:
NO 1º CICLO SEMPRE IMOS CANTANDO ¡HEY!
IMOS BAILANDO ¡HEY! E RISAS DANDO ¡HEY!
COMO SOMOS MÚSICA ALEGRÍA DAMOS
OS DE 1º SOAMOS ASÍ: POM, POM...
NO 1º CICLO SEMPRE IMOS CANTANDO ¡HEY!
IMOS BAILANDO ¡HEY! E RISAS DANDO ¡HEY!
ESTE ANO SEN FRONTEIRAS SOMOS PALLASOS
OS DE 2º FACÉMOSVOS RIR: JAJAJA...
NO 1º CICLO SEMPRE IMOS CANTANDO ¡HEY!
IMOS BAILANDO ¡HEY! E RISAS DANDO ¡HEY!
NÓS QUEREMOS QUE VIVADES ILUSIONADOS
E CELEBRAMOS O ENTROIDO ASÍ.
Temos que recoñecer que nada disto poderíase facer sen a colaboración das nais que viñeron a axudarnos a facer os disfraces nas súas horas libres, e que tiveron a paciencia de maquillar aos nenos durante toda a semana. MOITAS GRAZAS!!!



VISITA AO MUSEO MASSÓ

O 24 de febreiro foi o día no que a chuvia deunos unha tregua e puidemos ir visitar o Museo Massó de Bueu. Unha vez alí vimos unha película sobre a batalla de Rande e despois visitamos o Museo: os utensilios da carpintería de ribeira, as latas de conservas, as vellas máquinas de escribir e de fichar da conserveira, os arpóns da caza das baleas, os dentes de balea esculpidos... e na parte superior visitamos os mapas, os globos terráqueos, os libros de navegación, a bitácora, os astrolabios... Despois saímos do Museo para ir ao peirao a ver as embarcacións tradicionais de pesca: a dorna, o bote polbeiro, as traíñas... Finalmente visitamos o vello estaleiro onde construían antigamente ditas embarcacións. Deunos pena velo no estado no que está, esperamos que o recuperen!

Pili explicounos todo de marabilla e aínda que algúns xa coñecían o Museo, gustounos moito volver a velo de novo. Ata a próxima!





jueves, 3 de febrero de 2011

DÍA DA PAZ

Por fin, o venres 28 celebramos o Día da Paz. Fixemos un acto con todos os nenos do cole no noso patio, ata viñeron os peques de infantil!
No acto, un representante de cada curso leu un manifesto e despois cantamos xuntos a canción de Michael Jackson "We are the world".
Os representantes de 1º leron un anaquiño do traballo dos nenos do Chad e o representante de 2º leu os seus desexos de paz.
Foi un acto precioso e dende aquí, querémosvos desexar a todos: vivamos nun mundo en paz!



CONTACONTOS DE PAZ

Seguindo coas actividades do Día da Paz, o xoves 27 veu a visitarnos Anxo Moure co seu PAZtinete e contounos contos de Paz que atrapaba ca súa árbore atrapacontos. Amosounos moitos personaxes que levaba na súa mochila e a través deles contounos historias preciosas. Fíxonos participar moito e quedamos todos abraiados!




domingo, 30 de enero de 2011

30 DE XANEIRO DÍA DA PAZ E DA NON VIOLENCIA

Os nenos e nenas de 1º dentro do proxecto MEDRANDO EN VALORES descubrimos que TODOS OS NENOS E NENAS TEÑEN DEREITO A IR A ESCOLA, pero no CHAD un pais de ÁFRICA as escolas son diferentes ainda que os nenos sexamos iguais. Premade no video e comprobarédelo.

miércoles, 26 de enero de 2011

OBRADOIROS DA CRUZ VERMELLA

Co gallo do Día da Paz que celebraremos o venres 28, esta semana adicarémola a realizar moitas actividades relacionadas coa Paz. Este ano no centro quixemos dar importancia ao traballo coas ONG, polo que pedimos colaboración a algunha delas.
Os voluntarios da Cruz Vermella viñeron ao cole a impartir uns obradoiros polas clases con moitas actividades: aprendemos a saudar en diferentes idiomas e nos fixeron pensar sobre se todos somos iguais ou non. Tamén nos contaron un conto e fixemos uns colgantes de estrelas e un mural. Foi unha actividade moi divertida!!!



ESCOLA DE FAMILIA

Dentro do proxecto sobre valores que se está a desenvolver no colexio durante este curso, o día 18 de xaneiro tivemos unha charla para as familias co psicólogo José Mª García Janeiro. O tema a tratar foi "A familia como educadora". Agradecémoslle a asistencia aos pais e nais que se achegaron ata o cole para tratar un tema tan importante como é a colaboración entre a comunidade educativa e esperamos lles fose de interese. Ata a próxima!


LinkWithin

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...