BLOG DE 1º E 2º CURSOS DO CEIP PLURILINGÜE A PEDRA DE BUEU

BLOG DO 1º E 2º CURSOS DO CEIP PLURILINGÜE A PEDRA DE BUEU

viernes, 19 de diciembre de 2014

OBRADOIROS DE NADAL

O 19 de decembro foi o último día lectivo antes das vacacións de Nadal e como vén sendo habitual celebramos uns OBRADOIROS DE NADAL. Este ano estiveron adicados á ARTE, concretamente de Kandinsky. Ao longo da mañá estivemos preparando un cadro enorme chamado "Estudo cadrados de cor", unhas letras coa técnica de collage para formar a palabra VALORARTE, outras letras decoradas ao estilo deste pintor con figuras xeométricas e abstractas para escribir o nome do artista: KANDINSKY. Todo este traballo colgámolo na parede que hai nas escaleiras que suben ás nosas aulas. Ademais, grazas á colaboración de 8 nais do ciclo fixemos unha PAISAXE INVERNAL de plastilina que decora a nosa entrada ao colexio. ENLACE
Despois de tanto traballo tiñamos moita fame polo que fomos almorzar ao comedor do cole unha cunca de chocolate quente e un anaco de rosca que estaba boísima. 
Para rematar unha mañá xenial, viñeron os Reis Magos cargados de lambetadas! Para agradecerlles a súa visita, cantámoslles dúas panxoliñas: "Aló entre as pallas" e "Arre, borriquito". 
Foi unha mañá estupenda!






jueves, 18 de diciembre de 2014

INVESTIGAMOS DOUS PINTORES DO MORRAZO

Como parte do proxecto da biblioteca LER ARTE, durante os meses de novembro e decembro estivemos investigando a vida e obra de dous pintores relacionados con Bueu. O alumnado de 1ºA traballou a URBANO LUGRÍS e o de 1ºB a JOSÉ MARÍA BARREIRO. O resultado destas pesquisas quedou recompilado nunhas fichas e nas seguintes presentacións. Posteriormente expuxemos oralmente a nosa investigación aos compañeiros da outra clase para que coñeceran ao noso pintor. Premede nos vídeos para ver que ben o fixemos!




viernes, 5 de diciembre de 2014

HORA DE LER ESPECIAL

Esta semana tivemos unha hora de ler especial. Aproveitando que estamos aprendendo moitas cousas sobre a ALIMENTACIÓN, viñeron visitarnos os nenos e nenas de 3ºA e a súa profe AMI ás aulas de 1º curso para amosarnos os seus traballos sobre ese tema e contarnos en que consiste un menú completo e saudable. Moitas grazas, aprendemos moito!






martes, 25 de noviembre de 2014

O SEGREDO DE UXÍA

Hoxe fomos ao instituto Johan Carballeira para ver a obra de teatro O SEGREDO DE UXÍA da man da compañía XORÉ. O Concello de Bueu invitounos a esta representación co gallo do DÍA DA NON VIOLENCIA DE XÉNERO.



viernes, 21 de noviembre de 2014

NOVEMBRO: MES DA CIENCIA EN GALEGO

Esta semana na sesión de Biblioteca, as profes explicáronnos que estamos no MES DA CIENCIA E GALEGO, polo que hai un recuncho no Bibliocastelo con contos relacionados co tema. Nun deles "PREGUNTAS QUE POÑEN OS PELOS DE PUNTA 1" da editorial CUMIO, atopamos un sinxelo experimento que quixemos facer. As profes dixéronnos que os científicos fanse preguntas, e para poder resolvelas, investigan. Nós quixemos convertirnos en científicos e preguntámonos: QUE COUSAS NON PODE MOLLAR A AUGA? Como non sabiamos a resposta, despois de pensalo moito fixemos un experimento que consistiu en comparar unha vela sumerxida en auga con outra sumerxida en aceite. Ao sacalas todos observamos como a vela rexeita a auga e pola contra atrae ao aceite.
Foi moi divertido!






Se queredes ver o experimento, premede no vídeo:




lunes, 10 de noviembre de 2014

MAGOSTO

Hoxe, véspera de San Martiño, celebramos o MAGOSTO na escola. En principio tiñamos programadas uns xogos tradicionais con castañas, mais a chuvia impediunos xogar. O que non nos impediu foi tomar as castañas, que estaban riquísimas, na entrada do cole onde quedou un arrecendo... Mmmmm!
Despois de comelas cantamos xuntos a cantiga ARAO, ARAO
Premede no vídeo para ver as imaxes do Magosto e cantade con nós!

martes, 4 de noviembre de 2014

PRIMEIRA SAÍDA

Hoxe fomos ao Teatro Principal de Pontevedra para ver O GATO CON BOTAS. O espectáculo consistiu nunha actuación conxunta entre a Orquestra Filharmónica de Pontevedra, Marc Taëger e Olalla González
A Orquestra dirixida polo compositor portugués Vasco Negreiros puxo a música, Marc Taëger ilustrou o conto cuns debuxos de sombras magníficos e Olalla González foi a contacontos.
Ao xuntar todo quedou un resultado fantástico que nos deixou sen fala durante toda a actuación.
Pagou a pena mollarse un pouquiño polo camiño!







LinkWithin

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...