BLOG DE 1º E 2º CURSOS DO CEIP PLURILINGÜE A PEDRA DE BUEU

BLOG DO 1º E 2º CURSOS DO CEIP PLURILINGÜE A PEDRA DE BUEU

domingo, 24 de mayo de 2015

PLANTANDO CON ARTE

Durante os meses de abril e maio, o alumnado de 1º levamos a cabo un pequeno proxecto sobre as plantas, no que aprendemos como se alimentan, cales son as súas partes e os seus coidados. 
Na nosa casa plantamos unha legume nun envase de iogur moi artístico e cando medraron, trouxémolas ao cole. Tamén fixemos un experimento cunha caixa para descubrir que as plantas oriéntanse cara a luz do Sol.
Para rematar este proxecto e coa axuda de Ramón, plantamos unha pequena horta no patio do colexio, na que medrarán lentellas, chícharos, xudías, garavanzos... mmm!
PREMEDE NO VÍDEO PARA OBSERVAR OS NOSOS TRABALLOS.


martes, 12 de mayo de 2015

CORRELINGUA 2015

Hoxe foi un día importante, xa que celebramos o CORRELINGUA polas rúas de Bueu. Consiste nunha marcha, a posterior lectura dun manifesto e actuacións en directo a prol da nosa lingua: O GALEGO, acompañados de uns 2000 alumnos e alumnas de centros educativos do Morrazo.
Para tal evento, vestímonos para a ocasión cunha camiseta decorada por nós coa nosa palabra galega preferida. Colgámonos unha chapa co lema: CREA GALEGO e fixemos uns marcapáxinas en goma eva para agasallar a quen queiramos e compartir deste xeito simbólico a nosa lingua cos demáis.
Ao chegar ao cole, debuxamos a portada do disco BRINCA VAI de PACO NOGUEIRAS, que foi o artista invitado, mentres cantamos as súas cancións. 
Foi unha xornada chea de emocións, bicos, apertas e reencontros.









lunes, 11 de mayo de 2015

TEATRO EN INGLÉS

Hoxe fomos ver unha representación teatral en inglés da man dos actores "The return of the storytellers" que nos axudaron a contar "THE LITTLE MERMAID".
Os actores fixeron uns castings para atopar os protagonistas da obra: a serea, o príncipe, a quenlla... Descubrimos que temos unha futura gran actriz entre nós!!!
Divertímonos moito e aprendemos moitísimo inglés. 
Thank you, storytellers!







miércoles, 6 de mayo de 2015

CONTACONTOS CON IAGO LÓPEZ

Hoxe, na HORA DE LER, recibimos no Bibliocastelo a visita de IAGO LÓPEZ, da man da Editorial Anaya. 
Iago contounos "AUGUSTA E OS SEUS MEDOS", de Sabela Fernández Trelles, unha historia dunha nena que tiña tantos medos que non quería facer nada, ata que os seus pais lle deixaron unha caixa no seu dormitorio...
Gustounos tanto e estabamos tan metidos na historia que o tempo pasou sen darnos conta. Iago invitounos a contar o conto con el, tiñamos que facer xestos, responder preguntas... enganchounos completamente! Ademais trouxo con el unha caixa grande e en cada un dos seus lados estaba ilustrada unha escena da historia, moi artístico!!!
Agardamos que este libro chegue cedo á Biblioteca para poder lelo nós, grazas Iago!











martes, 5 de mayo de 2015

CAL É O TEU LUGAR DE LECTURA PREFERIDO?

Hai uns días recibimos unha carta de Papirus onde nos pedía que fixeramos unha foto nosa lendo no noso recuncho de lectura preferido. Despois tiñamos que decorar o marco con moita ARTE. Con todas as fotos fixemos unha exposición na entrada do colexio.
Premede neste enlace para ver que bonito e artístico quedou!

sábado, 25 de abril de 2015

APADRIÑAMENTOS LECTORES


Esta semana conmemoramos o "DÍA MUNDIAL DO LIBRO E DOS DEREITOS DE AUTOR" polo que realizamos algunhas actividades especiais no cole. Unha delas encantounos xa que o mércores 22 voltamos ao cole de Infantil para contarlle un conto aos nenos de 3 anos. Foi unha experiencia moi agradable volver a ver as clases nas que tanto traballamos, as nosas profes, o patio...
O libro que eliximos para ler foi "A FUXIDA DO MAR" de Agustín Fernández Paz, un conto que nos trouxeron os Reis Magos e que traballamos durante este trimestre. 

Para poder entregar un agasallo aos nosos afillados lectores, fixemos un traballo especial na Biblioteca: as profes entregáronnos un papel coas instrucións para facer un barquiño de papel e folios de cores, polo que despois de ler, puxémonos a fabricar barcos. Unha vez feitos, asinámolos para que os rapaces tiveran un recordo noso e despois de lerlles o conto, entregámolos.

Eles, pola súa parte, déronnos un colgante moi artístico lembrando a data e cun autorretrato.
Se premedes neste enlace, veredes como prepararon os de 3 anos a nosa visita.












O venres, pola contra, fomos nós os que recibimos a visita dos rapaces de , os nosos padriños e madriñas lectores, que nos viñeron contar o seu conto preferido.
Repartímonos polo corredor, pola Biblio, pola entrada do cole... e escoitamos con atención as súas historias.
Para que sempre lembren ese día, entregámoslles uns marcapáxinas decorados por nós con moita ARTE.



FELIZ DÍA DO LIBRO!!!









jueves, 23 de abril de 2015

HÓRREOS ARTÍSTICOS

Na clase de VALORES SOCIAIS E CÍVICOS aproveitamos a investigación que estabamos facendo sobre Bueu, a nosa vila, para facer un traballo cooperativo no que copiamos unha construción tradicional galega: o HÓRREO.
Tratouse dun traballo por equipos, no que participamos tanto os de 1ºA como os de 1ºB. Primeiro aprendemos as partes dos hórreos e os seus nomes e despois, con moita plastilina, fomos dando forma a cada unha delas, ata que conseguimos rematalo.
Como quedaron tan bonitos, expuxémolos na entrada do colexio, xa que a arquitectura é outra forma de ARTE.







LinkWithin

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...