A volta das vacacións de Nadal chegou a clase de primeiro A a meteocaixa; durante dúas semanas estivemos rexistrando o nivel de precipitacións, a temperatura máxima, a temperatura mínima...
Pero o que máis nos gustou foi aprender cousas sobre a lúa, a profe trouxo unha caixa a clase para ver as distintas fases polas que pasa.
O último día antes das vacacións foi un día especial pois no canto de dar clase tivemos uns OBRADOIROS DE NADAL. Houbo 4 distintos e tiñamos que ir rotando polas aulas do noso corredor para participar en todos eles.
Na aula de inglés tivemos un OBRADOIRO PLURILINGÜEno que a profe Marina organizou un concurso por equipos no que tiñamos que responder a preguntas sobre Christmas. Incluso deunos tempo a facer un Christmas Card!
Na aula de 2º A había un grupo de pais e nais colaboradores e cos que elaboramos unha paisaxe invernal de plastilina para decorar a entrada do colexio. Chamouse OBRADOIRO CREATIVO.
Na aula de 2º B esperábanos o OBRADOIRO PLÁSTICO, organizado pola profe Geli. Nel fixemos moitas verduras usando a técnica do collage e que despois pegaremos no mural da escaleira, baixo o título A CASIÑA DE VERDURIÑA.
Na aula de 1º A tivemos un OBRADOIRO DE COCIÑA, pois estaba a profe Goretti que organizou un obradoiro de Masterchef onde por equipos cooperativos fomos creando ricas receitas que logo degustamos na merenda posterior.
Ao rematar os obradoiros, saímos ao patio a xogar un chisquiño e axiña nos chamaron porque estaban esperándonos os Reis Magos de Oriente!!! Cantámoslles unhas panxoliñas e incluso algúns compañeiros nosos tocaron a guitarra estupendamente.
Para rematar o día, compartimos unha merenda especial de Nadal.
Se queredes ver as fotos, premede neste ENLACE. Hai 5 páxinas con fotos dese día!
A última semana antes de dar comezo as vacacións do Nadal os nenos e nenas de segundo curso representamos unha sinxela obra de teatro "MISTERIOSA DESAPARICIÓN" para compartila entre nós. Unhas veces faciamos de espectadores e outras faciamos de artistas. Aquí queda unha pequena mostra.
Nas semanas previas ás vacacións, o alumnado de 2º preparamos moitas actividades relacionadas co Nadal. Unha delas foi a portada da carpeta coas fichas do trimestre. Nesta ocasión decoramos unha árbore de Nadal con alimentos variados. Mirade que saborosos quedaron!
Onte fomos ao concerto do grupo Odaiko chamado Circopeta, no auditorio de Afundación en Pontevedra, gustáronnos moito os instrumentos da familia de percusión que empregaron con distintos materiais, como caldeiros, botellas, vasoiras... Foi moi divertido e interesante.
O alumnado de 2º despois paseamos pola Illa das Esculturas. Mirade no vídeo que ben o pasamos e canto aprendemos!
Os nenos e nenas de primeiro tamén fomos á exposición Wild Life no Café Moderno, tivemos un obradoiro onde fixemos unha araña e despois ensináronnos moitas cousas dos animais salvaxes que alí había expostos en fotografías. Pasounos a mañá voando!
Todo o alumnado de 2º estamos despertando os sentidos do noso corpo con diversas experiencias que realizamos na escola.
No ximnasio e coordinados pola profe Goretti dedicámonos a identificar formas, texturas, temperatura e dureza de diferentes obxectos que tocamos cos ollos pechados seguindo as instrucións orais dadas por un compañeiro ou compañeira. OÍDO E TACTO DEBEN ESTAR MOI AGUDIÑOS!!!
Mentres tanto, na aula de ciencias, acompañados polas nosas titoras, estimulamosO GUSTO, O OLFACTO E TAMÉN O TACTO intentando ler no alfabeto BRAILLE, ulindo substancias agradables e desagradables, probando diferentes sabores e percibindo a sensibilidade da dor na pel segundo sexa na man ou no antebrazo. Tamén identificamos as partes dos órganos dos sentidos (ollo, oído, pel, lingua) grazas as maquetas que hai na aula.
Xa coñecemos un poquiño máis do mundo do noso redor grazas aos 5 SENTIDOS.
O venres 10 de novembro dous integrantes da Asociación Cultural Retrouso, Andrea e Miguel, viñeron a darnos un concerto didáctico con instrumentos tradicionais como a gaita e a pandeireta. Tamén nos ensinaron algúns pasos de bailes galegos, que non nos saíron mal de todo como podedes ver nas seguintes fotos.