BLOG DE 1º E 2º CURSOS DO CEIP PLURILINGÜE A PEDRA DE BUEU

BLOG DO 1º E 2º CURSOS DO CEIP PLURILINGÜE A PEDRA DE BUEU

jueves, 7 de junio de 2012

APADRIÑAMENTOS LECTORES DE 1ºA

O mércores, os nenos e nenas de 1ºA foron ao cole de infantil a contarlle un conto aos máis pequenos, os rapaces e rapazas de 3 anos A. Os apadriñamentos resultaron un éxito, xa que os de infantil tiñan moitas sorpresas e agasallos para os de primaria (que non hai tanto tamén eran pequenos...) Mirade que vídeo tan emocionante prepararon as profes de infantil.

miércoles, 6 de junio de 2012

EXCURSIÓN DE FIN DE CURSO

E por fin chegou...
Que ganas tiñamos de ir ao CAMPING O FIEITÁS no GROVE! E ir fomos pero... tamén foi unha convidada de última hora: A CHUVIA!!! Menos mal que no camping xa estaban preparados e puidemos facer actividades de interior no comedor, no porche e tamén no Centro Social de Reboredo. Convertémonos en indios das tribos: todomojado e yocojoagua. Malia a chuvia, ao final o día resultou un éxito.

 

 


Así conta LUCÍA de 2ºA a xornada:
"O martes fomos de excursión a O Grove. O camiño foi longo. Cando chegamos presentámonos e, antes de comer, xogamos a moitos xogos. Cando chegou a hora de comer todos puxémonos na fila. A comida estaba rica. Despois de comer fomos a un taller, fixemos unhas cometas e despois déronnos uns bocadillos. Por último chegaron os autobuses e fómonos."

 

 


ÁNGELA de 2ºA tamén contou a súa maneira o día da excursión:
"Onte fomos a excursión de fin de curso ao campo Fieitás do Grove.
Ao chegar o primeiro que fixemos foi presentarnos cos nosos nomes e outros inventados, despois xogamos a indios con plumas. Á hora de comer puxémonos en fila e entramos no comedor, comemos pasta e polo con patacas. Despois iamos ir ao monte, pero empezou a chover moito e fomos a unha caseta, alí fixemos unha cometa con lá. Ao terminar merendamos un bocadillo de chourizo e montamos no autobús, para entreternos cantamos, xogamos e vimos unha peli. Ao chegar ao cole recolléronnos os nosos pais."

 

 


E LÍA de 2ºB tamén quixo contar a saída:
"Onte pola mañá collemos un autobús para ir a O Grove. Alí fixemos todos de indio, tamén xogamos moito e despois comemos. Pola tarde fomos a unha sala onde merendamos e fixemos unhas cometas. Finalmente fomos ao autobús para ir a casa."
 

 

 

Antía de 2ºB contounos: "Onte ao chegar ao colexio montamos nun autobús para ir ó Grove. Cando chegamos fomos a un camping, os monitores dixéronnos que nos puxeramos motes de indios e xogamos a xogos de indios pero primeiro fixemos unha pluma e rituais. Cando saiu o Sol, que antes chovera, saímos xogar a un xogo chamado "Cata pun chis pun". Despois comemos ensalada de pasta e polo con patacas fritas. Logo xogamos a "beso o porquiño na...", a "Simón dice..." e logos fomos a unha caseta onde xogamos e fixemos unha cometa con la. Finalmente merendamos, collemos as mochilas e fomos ó autobús mirando unha peli cara casa".

 

 

 

lunes, 28 de mayo de 2012

VISITA DE FINA CASALDERREY

NUNCA DEIXAMOS DE SER MOZOS, MOZAS...
MENTRES PODEMOS DAR APERTAS A UN AVÓ, UNHA AVOA...
A QUE AGARDAS? CORRE A ABRAZAR AOS TEUS!!
DE CORAZÓN, FINA CASALDERREY

Esta é a reflexión que nos deixou Fina Casalderrey o xoves no bibliocastelo, onde recibimos a súa tan esperada visita. A todos os nenos e nenas do 1º ciclo gustounos moito o seu libro "Quen me quere adoptar?" e elaboramos uns traballos preciosos que lle amosamos. Aproveitamos a súa visita para facerlle preguntas interesantes e aprendemos moitas cousas. Encantounos escoitar a unha gran "inventora de contos" que ao final tivo tempo para asinar todos os nosos libros.
Se queredes ver máis fotos e detalles sobre esta visita, premede aquí.
Se o que queredes é ver os nosos traballos, premede aquí.
Un saúdo e ata pronto, Fina!






martes, 22 de mayo de 2012

O LIBRO DOS AVÓS

Durante este trimestre os alumnos e alumnas de 2º curso quixemos facer unha homenaxe aos nosos avós e avoas. Recompilamos información sobre a súa vida e retratámolos.
Mirade que traballo máis interesante quedou.

TEATRO EN INGLÉS

O mércores 16 de maio fomos a Vigo a ver un teatro en inglés chamado "MY FAMILY, MY FRIENDS & ME" da compañía "Eina da escola". Para os nenos de 2º foi a continuación da que vimos o ano pasado, cos mesmos personaxes e decorados. Participamos moito cantando as cancións, axudando a Eina (o lapis) a aprender inglés e facendo preguntas moi interesantes.



Ao remate do teatro, fomos visitar o PARQUE DO CASTRO onde merendamos e xogamos. Tamén observamos a Ría de Vigo, falamos da batalla de Rande, localizamos localidades como Cangas ou Moaña e as Illas Cíes.
Gustáronnos moito os cañóns, a fortaleza e a garita do garda, dende onde vixiaba por se chegaba o inimigo.
Fixo un día soleado e fantástico polo que puidemos divertirnos moito. Foi unha xornada xenial!






martes, 15 de mayo de 2012

III CORRELINGUA DO MORRAZO

Onte fomos celebrar o Correlingua que nesta 3ª edición celebrouse en Moaña. Saímos do cole en autobús xunto cos nenos de 3º e 4º curso e infantil de 3 anos. Unha vez alí, xuntámonos cos nenos doutros coles do Morrazo: Cangas, Bueu, Marín e Moaña. Despois chegou a marcha, na que fixemos moito balbordo coas nosas botellas decoradas. Cando chegamos á praza do palco da música merendamos, tomamos leite e por fin... o concerto de PESDELÁN! Cantamos e bailamos ao son da música e pasou o tempo voando.
 

 

INFORMACIÓN FIN DE CURSO

Se queredes información sobre o campamento ao que imos ir na saída de fin de curso, botade unha ollada a este enlace.
CAMPING OS FIEITÁS

LinkWithin

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...