BLOG DE 1º E 2º CURSOS DO CEIP PLURILINGÜE A PEDRA DE BUEU

BLOG DO 1º E 2º CURSOS DO CEIP PLURILINGÜE A PEDRA DE BUEU

jueves, 19 de junio de 2014

I CONCURSO DE BANDA DESEÑADA

Hoxe despois do recreo tivemos unha agradable sorpresa: viñeron MARK TAËGER e LUIS DAVILA xunto con RAFA OLIVEIRA, presidente da ANPA. A súa misión consistía en entregar os premios do I CONCURSO DE BANDA DESEÑADA aos mellores traballos presentados.
Primeiro agasallaron a todos cun lote de libros para o Bibliocastelo pola gran participación e o interese amosado no concurso.
Despois e, aínda que todos os traballos eran preciosos e moi divertidos, repartiron un lote de libros aos gañadores do noso ciclo, que foron:
1º premio: IAGO ÁLVAREZ (2ºA)

2º premio: MATÍAS PENAS (1ºB)

3º premio: JUAN CRUZ (1ºA)

Noraboa a todos e... o próximo curso agardamos poder participar noutro concurso tan interesante!

XA MEDRAMOS!

Hoxe o alumnado de 2° tivemos unha visita moi especial: viñeron os pequerrechos de 5 anos a coñecer o noso cole e as que van ser as súas aulas e as súas profes.
Sorprendémoslles cantando o conto: A TOUPIÑA QUE NON SABÍA QUEN LLE FIXERA AQUILO NA CABEZA, que xa nos cantaran a nós cando estabamos en 5 anos.
Ao final repartimos unhas lambetadas para todos e os nenos e nenas de 5 anos xunto as súas profes cantáronnos O PIRATA METEPATA.
Moitas grazas pola visita e que pasedes un 1° ciclo tan bo como o noso!!!


jueves, 5 de junio de 2014

COMPARTINDO LECTURAS

Hoxe viñeron os rapaces e rapazas de 5º curso xunto coas profes Macu e Miriam para ser os nosos padriños e madriñas lectores. Buscáronnos na HORA DE LER e, por parellas, leváronnos a un xardín que hai no patio dos maiores para lernos o seu conto preferido. Ademais, fixéronnos debuxos e manualidades como agasallo.
Moitas grazas por compartir as vosas lecturas con nós!



martes, 3 de junio de 2014

COÑECENDO PONTEVEDRA

Hoxe foi a excursión de fin de curso do 1º ciclo. Este ano tocounos visitar Pontevedra en profundidade. Así nolo conta un rapaz de 2º curso:

"Hoxe levanteime pola mañá e fun ao colexio. Agardábanme os meus compañeiros para ir á excursión de fin de curso. Subimos ao autobús e fomos a Pontevedra a visitar o museo. No museo guiounos Luisa. Despois tiñamos que encontrar a Martiño nas oito salas de pintura e atopámolo na oitava sala. Máis tarde merendamos e visitounos unha rapaza pequena. Fomos en tropel con Roberto, quen nos ensinou moitas prazas. Ao rematar fomos á Illa das Esculturas e comemos e cando rematamos, os nenos e nenas xogamos no parque. Logo fomos a Seixo a ver unha película chamada DONKEY XOTE no cine. Finalmente subimos ao autobús e chegamos ás nosas casas."

Se o queredes ver detalladamente, premede no vídeo:

miércoles, 28 de mayo de 2014

VISITA DE JACOBO FERNÁNDEZ SERRANO

Hoxe visitou o Bibliocastelo un autor e ilustrador de cómic galego chamado: JACOBO FERNÁNDEZ SERRANO. É o autor do libro que lemos este trimestre: MARCOPOLA. Este libro é un cómic que nos encantou a todos pola súa historia e debuxos. 
 Jacobo explicounos como fai os seus debuxos, falounos da 2ª e 3ª parte da historia, que xa estamos desexando ler! Debuxounos algúns dos seus personaxes e asinou os nosos libros cun pequeno debuxo para cada un. Ao final pediunos que debuxaramos un compañeiro de aventuras para Marcopola, a illa remeira. Nós agasallamos a Jacobo con dous murais feitos cos nosos debuxos que lle gustaron moito.
Grazas por vir, aprendemos moito contigo!!!
Premede no vídeo para ver as imaxes:

JACOBO FERNÁNDEZ SERRANO by Slidely Slideshow

martes, 13 de mayo de 2014

CORRELINGUA

Hoxe celebramos o CORRELINGUA polas rúas de Bueu. Trátase dunha marcha de escolares dos centros do Morrazo reivindicando a nosa lingua e cultura. Este ano tiña como lema: O GALEGO, SEMPRE UN PASO ADIANTE.
Un ano máis reunímonos todos na praza do Concello e fixemos o percorrido a ritmo de cantigas tradicionais: "A rianxeira", "Ven bailar Carmiña" e "A saia da Carolina". Así foi moito máis ameno. Ao chegar de novo á praza tomamos unha parva e de seguido empezou o concerto de Pablo Díaz e a súa banda, onde cantaron cancións dos seus discos "Tic-tac" e "Toc-toc".
Durante toda a mañá levamos postas as nosas camisetas decoradas con palabras en galego e un broche que fixemos na clase en forma de bocadillo de cómic coa mensaxe: PRÉNDETE AO GALEGO.
Se queredes ver todas as imaxes deste día, premede neste vídeo.


Para ver máis información e imaxes sobre este día, podedes visitar o blog da biblioteca:
BIBLIOCASTELO.

viernes, 9 de mayo de 2014

APADRIÑAMENTOS LECTORES

Xa que abril é o mes da lectura e maio o mes da nosa lingua, hoxe fixemos unha actividade que combinaba as dúas cousas: os APADRIÑAMENTOS LECTORES.
Na hora de ler, o alumnado de 2º achegámonos ao colexio de Infantil onde nos agardaba o alumnado de Infantil de 4 anos xunto coas súas profes Tania e Xisela para escoitar os nosos contos.
A historia que lles lemos foi MARCOPOLA, un cómic de JACOBO FERNÁNDEZ SERRANO que estamos traballando este curso. Os rapaces de 4 anos portáronse xenial e escoitaron as aventuras da illa viaxeira con moita atención.
Para rematar cantámoslles a cantiga: A SAIA DA CAROLINA. Eles cantáronnos TOC-TOC de Pablo Díaz e agasalláronnos cun palote para cada un.
O día 22 virán os rapaces de 5º a contarnos un conto a nós, agardamos con impaciencia ese día, mentres tanto... PREMEDE NO VÍDEO!


LinkWithin

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...